O mércores 6 de febreiro tivemos pola tarde unha sesión do Club de Ciencia singular. Recibimos ao profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de camiños, canles e portos da Universidade da Coruña, Manuel F. Herrador Barrios, que nos falou da física no cine de catástrofes.
Tsunamis, trens que descarrilan, terremotos, pontes que rompen ou saen do seu sitio… Aprendimos a ver este tipo de películas cun espírito máis crítico con exemplos prácticos nos que Herrador explicou o que encaixa coa realidade das leis da física e o que é ficción sensacionalista sen fundamento científico que se corresponda.
Herrador falounos tamén do proxecto Camiños de Futuro que a ETSE pon en marcha para divulgar a enxeñería civil nos centros educativos e que pode ser unha excelente oportunidade para traballar de xeito práctico con alumnado de secundaria e bacharelato.