
En setembro comezamos un curso diferente, marcado polas medidas de hixiene e seguridade tan necesarias pola situación sanitaria na que nos atopamos no contexto da pandemia da COVID-19. Respectando sempre esas medidas, trataremos de levar a cabo ao longo do curso as actividades extraescolares asociadas ao Club de Ciencia como viñamos facendo en anos académicos anteriores.

Comezamos participando na III Maratón de Astropartículas, organizada pola profesora M. Dolores R. Frías da Universidade de Alcalá de Henares e cofinancidada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECyT). A maratón celebrouse en Cerceda o xoves 15 de outubro con ponencias de Ramón Iglesias Marzoa, do observatorio astronómico de Javalambre en Teruel; Mario Gómez profesor na Universidade de Huelva e Luis del Peral profesor na Universidade de Alcalá de Henares.
Con Ramón Iglesias o alumnado falou sobre a obtención de imaxes astronómicas e a medición da luz das estrelas con conexión en directo co observatorio astronómico de Javalambre, con Mario Gómez percorreron o Universo desde distancias de segundos-luz ata millóns de anos-luz a través dunha exposición fotográfica móbil e con Luis del Peral aprenderon a observar a radiación cósmica e coñeceron de primeira man o funcionamento dun medidor de muóns.
Os días 14 e 16 de outubro a maratón celebrouse tamén en Santiago de Compostela, no IES Arcebispo Xelmírez II e no IES Rosalía de Castro.
Máis información | La Voz de Galicia, La Voz de Galicia, FECyT e USC