O luns 11 de febreiro celebrouse en Oleiros o III Congreso NOSA, organizado polo IES Miraflores e coa participación dos outros cinco centros educativos que tamén integran a Axencia Espacial Escolar Galega: IES Maruxa Mallo, IES Marco do Camballón, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Ferrol Vello e CPI O Cruce.
No congreso o alumnado presentou os resultados das investigacións realizadas despois do lanzamento da MarumaSat III, cos datos recollidos e presentáronse tamén os obxectivos para o lanzamento da MarumaSat IV, así como a nova web da axencia nosa.gal e as actas de congresos anteriores.
Traballamos moito nos días anteriores para elaborar os traballos e para ensaiar a ponencia sobre a variación do volume do globo de helio, pero o esforzo pagou a pena pola experiencia gozada. Contamos ademais coa presenza de Marilar Aleixandre a cargo de quen estivo a conferencia inaugural centrada no tema do 11F, a muller e a ciencia, e con Manuel Vicente (@efervescencia) que gravou co alumnado un programa de radio que se emitirá na noite do 13 ao 14 de febreiro.
No centro houbo tamén outras iniciativas para a celebración do día da muller e a nena na ciencia. Por exemplo, o alumnado de bioloxía preparou unha exposición de murais que percorren a vida e a obra de científicas destacadas como Ángeles Alvariño ou Margarita Salas entre outras.