Esta semana comezamos a traballar nos proxectos do Club de Ciencia e fixemos a presentación dos mesmos ás familias do alumnado que participa neles. O documento resumo no que nos apoiamos podedes velo sobre estas liñas.
Con respecto ás liñas de traballo que xa iniciamos, comezamos a traballar en dous dos proxectos do Club:
- Detectives climáticos da ESA: comezamos a investigación analizando imaxes, tomadas por satélites, da zona de Cerceda e Meirama nos últimos 35 anos para ver os cambios experimentados pola súa paisaxe. Para iso empregamos a app EO Browser, buscamos a zona en cuestión e imos vendo a evolución desde finais dos anos 80 ata hoxe en día.
- MarumaSat III: estamos analizando os datos pVT do helio do globo co que se lanzou a cápsula. Traballamos nunha folla de cálculo colaborativa, coa ecuación de estado do gas ideal e extapolacións nos gráficos para establecer a relación do volume do globo coa altura e estimar o valor concreto no momento do estoupido.
A acollida está sendo moi positiva en todos os sentidos, os proxectos avanzan a bo ritmo e o alumnado está moi interesado e implicado no seu desenvolvemento. Seguiremos informando!